Achegueime a esta novela atraída pola súa sinopse, pola beleza da portada, pois é inevitable que sexa un potente reclamo, do título: sostén tanta beleza e amargor. Descubrín unha voz sedutora, unha escrita espléndida. Celia e MX son dúas irmás xemelgas que viven nun orfanato. Ambas fan amizade con Emilia e establécese entre as tres unha relación escarpada e complexa, alimentada pola intermitencia entre a atracción e o rexeitamento. Ata que Celia desaparece. MX e Emilia comezarán unha relación na que procurarán amor e consolo, mais o pasado é un peso ás veces insostible. Esta novela fala de moitos temas fundamentais: o espertar sexual, o acoso, a perda, a violencia de xénero. Pero tamén da procura da esperanza, de recuperar a confianza nunha mesma, amarse para poder amar ás demáis. A autora amósanos un universo terrible tinguido cunha narrativa fermosa, moi poética, nese xeito no que tapamos os ollos ante o horror pero, sen poder evitalo, os abrimos un anaco, e quedamos prendidas. Miriam Beizana Vigo constrúe unha historia que funciona coma un crebacabezas. Imos atopando as pezas precisas para coñecer a MX, a Emilia, comprendelas a través da memoria, das súas cicatrices. Todo vai encaixando ao tempo que os segredos coánse polas fisuras. As feridas agroman nunha escrita na que pasado e presente flutúan de xeito constante. Os cambios abruptos entre o momento actual e o que as protagonistas falan a través do recordo son frecuentes. Podería semellar que isto dificulta a lectura, máis todo o contrario. Dunha parte, outorga unha certa intriga e dinamismo. Doutra, non se pode reflectir unha historia coma esta dun xeito mellor. Somos pasado e a nosa mente non para de lembrar: dende o máis nimio ata a maior obsesión. En canto á linguaxe é salientable o uso do feminino como xenérico. Tendo en conta que son mulleres a case totalidade de personaxes, o contrario sería un tanto ilóxico, polo que paréceme unha decisión acertadísima. Recoméndovos moitísimo esta novela. É toda unha alfaia. Enlace: https://www.instagram.com/p/.. + Leer más |