InicioMis librosAñadir libros
Descubrir
LibrosAutoresLectoresCríticasCitasListasTest
>

Crítica de albertemoman


albertemoman
08 April 2021
Hai libros que están ben, hainos que están moi ben, pero hainos que fican para sempre. Non vou dicir destes últimos que son os imprescindibles, como diría Silvio Rodríguez naquela interpretación do poema de Brecht que recitara antes de interpretar Sueño con serpientes.

Un ano, no instituto, durante unha clase de lingua e literatura galegas, a profesora ―era unha profesora moi nova, apenas saída da facultade. Recordo que nos chamaba moito a atención, malia que ía sempre moi maquillada e con tacóns para semellar máis alta, pois, supoño, tiña algo de complexo coa súa altura. A nós parecíanos moi guapa, á par que atractiva, sobre todo cando sentaba no bordo da mesa e nos falaba daquela ruta compostelá do Paris-Dakar, dos seus tempos universitarios. ― preguntara o motivo polo que adorabamos un libro que, para ela, pasara sen apenas deixar pegada. Tratábase do Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo, editado, na versión galega, por Galaxia. Aquela pregunta, a min, sen aventurarme a dicir o que opinaban os compañeiros e compañeiras de aula, resultárame, incluso, ofensiva. A única explicación posible era que non entendera nada de nada. Hoxe, véxoo doutra forma, malia ser unha persoa nova, en comparación nós, adolescentes, xa pasara a etapa que nós si estabamos a experimentar con moita intensidade. Non entendía que o dramatismo propio da adolescencia víase perfectamente representado naquela parella de superviventes. Afastándose do amor romántico, erroneamente identificado coa nosa idade daquela, as actitudes e accións do e da protagonista respondían á necesidade, un estímulo moito máis impactante que o amor. Aquela resposta fronte ao instinto, aquela deconstrución de todo o que a civilización construíra, aquela incivilización provocada polo contexto, aproximábase moito máis ás nosas ansias de ruptura coas normas do que calquera outra lectura hiperrealista. Recordo ter esa mesma sensación de proximidade coa historia que estaba a ler, con algúns textos de Polaroid de Suso de Toro, desta volta editado por Xerais. Deste último, ou mesmo de Tic Tac, outro, desta volta si imprescindible, aínda me veñen á cabeza o sabor salgado dos fluídos vaxinais mesturados con suor dunha ama de casa que recibe a un comercial, ou as labazadas dun rapaz a un igual que, en cadeira de rodas, laiábase por non poder xogar a fútbol ― o que tamén me lembra un texto dos Breves poemas en prosa de Baudelaire, no que o autor mallaba nun indixente que lle pedía unhas moedas, até que este lle devolveu os golpes, deixándoo deitado e sangrando no chan, facéndose, deste xeito, merecente de recibir o diñeiro do poeta ―. A de Pedrolo era unha historia na que os nenos e as nenas pasaban a ser adultos, coas mesmas responsabilidades e os mesmos, en aparencia, beneficios. Representaba todo o que nos estaba negado pola idade e pola moral que debiamos respectar e que nos volvía profundamente idiotas. Por isto é por moitas outras cousas, este é un libro que teño sempre en mente e que recomendo cando teño ocasión, tamén porque, sen pretendelo ou mesmo conscientemente, espertou a necesidade, nas persoas que nos achegamos ao libro nunha determinada idade, de situarnos, temporalmente, nunha realidade moi diferente, preparándonos mentalmente para unha sorte de emancipación forzada e as posibles consecuencias desta nova situación.


Enlace: https://sensilencios.blogspo..
Comentar  Me gusta         10



Comprar este libro en papel, epub, pdf en

Amazon ESAgapeaCasa del libro
Apreciaron esta crítica ()(1)ver más