InicioMis librosAñadir libros
Descubrir
LibrosAutoresLectoresCríticasCitasListasTest
>

Crítica de albertemoman


albertemoman
08 April 2021
A curiosidade sobre a Guerra Civil española levoume, durante o confinamento, a achegarme a varias publicacións que tratan, directa ou indirectamente, a cuestión. Un dos primeiros libros aos que me acheguei foi Homenaje a Cataluña, na edición en español de DeBolsillo. (Antes de seguir, debo confesar que con este texto non pretendo facer unha análise crítica nin do volume nin do contexto, tan só expoñer, con máis temeridade que bo xuízo, algún que outro aspecto que me resultou chocante). No comezo do relato no que Orwell expón a súa experiencia dende decembro do 1936 en que chega a Barcelona, até a súa abrupta saída do territorio un ano despois, el mesmo aclara que non conta cun grande coñecemento sobre posicións nin idearios políticos, polo que se vai limitar a describir o que foi vendo durante a estancia na península. E, efectivamente, iso fai durante o relato. Posiblemente, o que me resultou máis interesante de todo foi o engadido final, onde proporciona, segundo el mesmo di, as claves que, ao seu entender, poden verter luz sobre os feitos expostos anteriormente. Nese apéndice refírese, entre moitas outras cousas, á orientación política das forzas en contenda, principalmente dentro do bando republicano, onde o conflito resultaba, tamén, moi evidente. Nese sentido, traza moi brevemente unha descrición do POUM (Partido Obreiro de Unificación Marxista), vertente da que el escolleu ser miliciano. Entre os aspectos máis controvertidos da súa visión, está o feito de que renegue do trotskismo, desvinculándose desa corrente, feito que pode ser soportado polo escaso interese que mostra durante a narración de todo o que ten a ver coa ideoloxía das persoas coas que el se atopa, ademais de polo feito de que unha grande parte dos milicianos e milicianas, en calquera das correntes, carecían de filiación. Pero, vai máis aló ao asegurar que non podería vincular o POUM co trotskismo, falando só de individuos illados que si defendían esa corrente.
Orwell, nese engadido ao seu relato, fai referencia a outro libro, El reñidero español de Franz Borkenau, tamén unha narración da experiencia do autor por terras españolas. Neste último volume, Borkenau si fai referencia á vinculación trotskista do POUM, feito que queda máis que constatado debido ás purgas stalinistas levadas a cabo pola corrente soviética dos partidarios republicanos (PSUC en Cataluña e PCE en España).
Leonardo Padura, por outra banda, na novela de ficción con base en acontecementos reais O home que amaba aos cans, deixa clara a relación POUM-Trotskismo, así como acontece con Semionov na novela, tamén de ficción con base real, Variante española. Aínda me quedaría coñecer a visión de Mijaíl Koltsov, outro delegado presente na península durante o conflito.
Falo só de novelas que caeron nas miñas mans nos últimos meses, pero estou certo de que outras redaccións, así como a versión oficial máis reproducida, apoian a visión de que o POUM, dende a cúpula, represaliada polas devanditas purgas, ás bases con filiación política, defendían o trotskismo como corrente ideolóxica.
Podería ser posible que Orwell, despois de estar vencellado intimamente ás milicias do POUM, relacionándose tamén con membros da cúpula, non caese na conta da corrente ideolóxica defendida polos seus membros? Sobre todo, despois de ter revisado a obra de Borkenau, a quen menciona.
Orwell, como fixera xa San Pedro antes de acabar exercendo de porteiro no ceo, renega do trotskismo. Pode que considerase que o seu público británico, ou anglosaxón, en sentido máis amplo, conservador e capitalista na súa maioría, consciente da necesidade de loitar contra o fascismo, non aceptase unha elección, a do autor, contraria á da sociedade de onde proviña.
Enlace: https://sensilencios.blogspo..
Comentar  Me gusta         20



Comprar este libro en papel, epub, pdf en

Amazon ESAgapeaCasa del libro
Apreciaron esta crítica ()(2)ver más